
XesGalicia

XesGalicia, Sociedade Xestora de Entidades de Investimento de Tipo Pechado, S.A.U.
Desde hai case dúas décadas, en XesGalicia xestionamos entidades de capital risco orientadas a apoiar o crecemento do tecido empresarial galego. Neste sentido, as nosas prioridades céntranse en impulsar o desenvolvemento e a consolidación económica e industrial de Galicia, para o que contamos cunha serie de instrumentos financeiros orientados a cada tipoloxía de empresa.
Os factores que nos diferencian son o noso carácter público, a profesionalidade do noso equipo, o marcado foco das nosas políticas de investimento e a solidez institucional dos partícipes nas entidades de capital risco que xestionamos.
Con estes alicerces, e considerando unicamente as operacións desembolsadas durante o exercicio anual 2018, xestionamos operacións en favor de máis de 40 empresas e por un volume agregado superior aos 15 millóns de euros, apoiando desta forma a actividade produtiva de empresas galegas con necesidades e situacións moi heteroxéneas. Así mesmo, cabe destacar que desde hai varios exercicios participamos activamente en varios programas de financiamento ao emprendemento, tanto de tipo vertical como horizontal, os cales obtiveron numerosos recoñecementos nacionais e internacionais.
No curto prazo puxemos en marcha unha serie de accións encamiñadas a optimizar os nosos recursos e eficiencia, de modo que poidamos apoiar en maior medida ao noso tecido produtivo. Así, comezouse por exemplo un proceso de simplificación e racionalización da nosa estrutura de entidades de capital risco que, a pesar de non xerar impacto nos recursos dispoñibles, sí mellora a nosa oferta ás empresas galegas, que contarán cun instrumento adecuado e adaptado ás súas necesidades con independencia de se se trata dunha compañía de gran tamaño ou dunha iniciativa emprendedora.
O financiamento ás novas iniciativas empresariais de recente creación volve ser, no curto prazo, un dos nosos grandes obxectivos, para o que ampliamos a nosa colaboración en novos programas de apoio ao emprendedor. Ademais, seguimos poñendo ao dispor das empresas galegas, ou daquelas que desexen desenvolver unha actividade económica en Galicia, fondos especialmente orientados ao apoio á Industria 4.0, á innovación ou á internacionalización, unha colaboración dirixida tanto a grandes corporacións empresariais como ás pemes.
Así mesmo, con respecto ás diferentes tipoloxías de operacións que podemos afrontar, contamos con produtos especialmente deseñados para o reforzo dos fondos propios das compañías, para facilitar o incremento do tamaño empresarial a través de operacións de fusións e adquisicións ou para facilitar a sucesión empresarial a través de diversas fórmulas, especialmente necesarias no caso das empresas familiares.
Todo isto é posible grazas á principal fortaleza de XesGalicia, que non é outra que o seu equipo. Contamos con profesionais de primeiro nivel que aglutinan unha dilatada experiencia e un gran coñecemento no ámbito do apoio empresarial, e que contan ademais cunha visión transversal en múltiples sectores económicos, completando así o apoio que ofrecemos ás empresas en clave de financiamento.
Coa colaboración dos nosos partícipes, XesGalicia seguirá traballando nesta mesma liña para que o tecido empresarial galego gañe en dinamismo e competitividade.
Fernando Guldrís Iglesias. Director Xeral de XesGalicia SGEIC S.A.U.
XesGalicia, Sociedade Xestora de Entidades de Investimento de Tipo Pechado, S.A.U.
XesGalicia, a sociedade xestora de entidades de capital risco galega, financia o desenvolvemento empresarial mediante participacións temporais e minoritarias no capital social das empresas.
Como complemento, outórgalles préstamos participativos ou préstamos ordinarios a longo prazo a través de diferentes e específicos Fondos e sociedades de capital risco.
Requisitos: O único requisito común no estudo de inversións é que sexan empresas non financeiras cuxos valores non coticen no primeiro mercado da Bolsa de Valores, se ben existen requisitos adicionais para cada entidade xestionada asociados á súa estratexia inversora particular.
Máis sobre XesGalicia